jueves, 26 de abril de 2012
comunicado de prensa 26/04/2012
<
Comunicado a La Voz de Galicia
“O MENOR DOS NOSOS MALES É O HORARIO DE APERTURA DO RECINTO ESCOLAR”
Poñémonos en contacto con vostedes para aclararlles o tema de horario de apertura do recinto escolar no Colexio Xulio Camba de Vilanova de Arousa, e tamén comentar outros problemas, que baixo o noso punto de vista son moito máis graves.
1º.-HORARIO DE APERTURA
O horario de apertura do recinto escolar apróbase nun consello escolar antes de comezar as clases do curso 2011-2012. O Consello Escolar está formado por membros da dirección do Centro Educativo, docentes, representantes de pais e nais (elixidos por votación), un representante da ANPA, un representante do Concello e por un traballador do Colexio non docente. Apróbase por maioría que é suficiente a apertura do recinto escolar ás 08:55 da mañá, xa que segundo a Consellería de Educación a “responsabilidade” do benestar dos nenos dentro do recinto recae na dirección do Centro. (O equipo docente non debería realizar outras funcións que non sexan as de dar clase e formar intelectualmente ós nosos fillos). A Dirección da ANPA respecta as medidas tomadas por votación no Consello Escolar, esteamos de acordo ou non, como non podería ser de outra forma. Tódolos pais saben cal é o horario de apertura do Centro dende principios de curso. É unha norma de Réxime Interno, hai que respectala, como en calquera outro Centro Institucional. Temos, por certo, o “PLAN MADRUGA” no noso centro. Este plan, (gratuíto para membros da ANPA) instaurado en etapas de directivas anteriores da ANPA, dá a posibilidade de conciliar a vida familiar coa profesional e os pais que por sorte teñen que ir traballar poden deixar os nenos dende as 07:30 h. ata as 08:50 h. no colexio cunha monitora. Unicamente, para utilizar o plan madruga, o neno ten que ser socio da ANPA. A ANPA só ten constancia de dúas queixas polo motivo da apertura do recinto escolar e hai máis de 400 alumnos.
2º.-INSUFICIENCIA, DEFICIENCIA E DETERIORO DAS INSTALACIÓNS
2.1.- O proxecto de mellora e ampliación que nunca chega.
O Colexio Xulio Camba quédase corto de espazo e o que hai é deficiente. Levamos anos pedindo unha ampliación das instalacións do Colexio, xa que na actualidade estase a dar clase en aulas habilitadas que anteriormente foron cuartos de escobas. Fai uns anos o problema que poñía a Consellería para non iniciar ningún proxecto era que o Colexio estaba en terreo de Costas. A Dirección da ANPA reuniuse en varias ocasións co Xefe Territorial en Pontevedra e este nos fixo saber que xa había partida no orzamento para tal ampliación pero que como non había a citada autorización de Costas para obrar nese terreo non se podía levar a cabo. A ANPA consigue a tan ansiada Autorización de Costas para a ampliación, pero nese momento a Consellería xa non ten a partida no orzamento para este fin. Conseguimos cita co Conselleiro de Educación a principios do ano 2011, e aínda que se nos fai saber que a crise está afectando moito, déixanos unha porta aberta para aprobar o proxecto da ampliación e reforma antes de rematar o ano 2011. Xa estamos en abril, e a pesar da insistencia da ANPA ante o Concello e a Consellería, non hai resposta ás nosas peticións.
2.2.- Problemas de habitabilidade dos edificios.
EDIFICIO NORTE:
INSTALACIÓN ELÉCTRICA PERIGOSA: No Colexio Xulio Camba Norte (de infantil) xa se queimaron dous nenos nos radiadores instalados nas clases (acumuladores), son antiquísimos e perigosos. O Concello ten constancia deste feito e a Consellería tamén, xa que na anteriormente citada reunión co Conselleiro falamos do tema. Aínda que daquela non se queimara ningún neno si falamos do antigos e perigosos que eran, e do gasto eléctrico (custo económico e ecolóxico importante) que supoñía. Non se fixo nada ó respecto e agora hai dous nenos queimados.
SANIDADE E ADAPTABILIDADE: Ademais do anterior e entre moitos outros, neste edificio existe un problema importante de salubridade. Por un lado o patio de area é un entorno propicio para que animais soltos ou abandonados fagan as súas necesidades, deixando así focos de infeccións onde xogan os máis cativos, e parasitos, como pulgas, polo que hai que estar constantemente fumigando (do que se fai cargo o Concello moi eficientemente cando o solicitamos). Por outro lado, os lavabos encóntranse nun estado de deterioro lamentable e o chan dos aseos non é o máis adecuado para calquera edificio público (e menos para un aseo para nenos) por ser de material moi escorregadizo, que hai que estar constantemente a fregar polas moitas salpicaduras, tanto no retrete coma no lavabo, que os cativos provocan. Nalgún destes aseos existen tamén certos riscos arquitectónicos como pode ser o “pedestal” (é coma se o aseo fose construído en dúas alturas) onde se encontran algúns lavabos, ó que os nenos teñen que subir para poder usalos, e que é especialmente perigoso se un neno cae de aí arriba ou se bate co canto. EDIFICIO SUR:
DESPRENDEMENTO DOS TEITOS E FALSO TEITO CANCERÍXENO:
Fai unhas semanas desprendeuse parte das bovedillas nunha sala do Colexio, e por sorte non lle caeu a ninguén encima. Estes desprendementos non son nada novo xa que fai anos que están sucedendo. Tanto o Concello como a Consellería están ó tanto deste problema. Proxectouse nas bovedillas un preparado para evitar máis desprendementos. Consecuentemente danouse todo o pavimento do Colexio que xa estaba bastante deteriorado. Este problema está solucionado a medias.
Tamén temos os falsos teitos feitos de fibra de vidro, dende hai uns corenta anos. Agora están deteriorados, coma roídos, e desprenden no ambiente un po moi tóxico, canceríxeno, e os nosos nenos están a respiralo. Noutros Colexios con menos nenos, e menos orzamento probablemente, xa foron cambiados. Esta problemática está en coñecemento do Concello de Vilanova e tamén da Consellería, e parécenos moi grave que non se atenda un asunto tan serio de saúde que afecta a tódolos usuarios do edificio sen excepcións, pois non é un risco en potencia, que tamén sería sen dúbida para solucionar, senón un dano certo e constante.
Dende a ANPA “O Cruceiro” estamos a traballar nestes asuntos, dende hai moito tempo, en colaboración co persoal do Colexio, do Concello e da Consellería, e, a pesar de que as cousas progresan moi lentamente, ou non progresan, en ningún caso se alenta dende a nosa Asociación á transgresión das normas, porque a boa convivencia é fundamental para a educación dos nosos fillos. O problema do horario de apertura como se ve é o menor dos nosos males, e dende aquí queremos aproveitar este momento de visibilidade para pedir, rogar, suplicar á Administración que atenda ás nosas demandas para a boa educación, seguridade e saúde de máis de catrocentos nenos de Vilanova de Arousa.
A Directiva da ANPA “O Cruceiro” do CEIP Xulio Camba de Vilanova de Arousa.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario